lunes, 24 de septiembre de 2012

No ano do cometa/En el año del cometa

Vítor envianos esta recomendación en galego.
No ano do cometa, trasládanos á Europa de 1066, cando, trala morte do rei Edward o Confesor, se abre un dos preitos sucesorios máis sanguentos da historia. A aparición do cometa Halley nese mesmo ano, será interpretada como signo favorable á invasión de Inglaterra planeada polo duque Guillerme de Normandía. Galicia non é allea a esta aventura e na trama xoga un papel importante o intento do rei García de casar cunha nobre saxoa. Bernárdez reflicte na novela o ambiente de terror e pánico que se apoderou das Illas Británicas por mor da aparición do cometa Halley, nun tempo no que aínda estaban recentes as "razzias" do caudillo árabe Almanzor e o sentimento de angustia e apocalipse que o fin do primeiro milenio produciu no occidente cristiano. Bernárdez constrúe a súa novela sobre a base destes feitos reais, reconstruídos tanto a través de estudos realizados por autores modernos, como da análise dos textos contemporáneos, así como da comprobación ocular dos lugares onde aqueles aconteceron.



A campaña militar de Guillerme o Conquistador quedou relatada para a posteridade, a xeito de banda deseñada, nun tapiz que se conserva na cidade normanda de Bayeux e que podes ver completo aquí.
O cabalo negro que levaba o rei Guillerme na primeira batalla, en Hastings, era un obsequio dos galegos. Aínda hai quen ten curiosidade por saber se sería cabalo barbanzón, galego thieldón ou árabe.
Os interesados polas historias do ciclo artúrico tamén atoparán datos interesantes neste libro.

Nun plano de máis trascendencia histórica, a novela non agocha as consecuencias da conquista. Como todas as guerras, levou morte e sufrimento á poboación. Aínda hoxe a abadía de Battle conmemora os mortos da batalla de Hastings.
E unha consecuencia no plano cultural foi que despois da conquista o francés normando se impluxo como lingua das clases altas en Inglaterra, o inglés sufriu unha situación de subordinación diglósica durante tres séculos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada